31 mar 2011

Cen anos con Álvaro Cunqueiro

Neste ano 2011 celébrase o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, e tamén o 75 aniversario do falecemento de Ramón María del Valle Inclán, outro escritor galego universal.
         Álvaro Cunqueiro Mora naceu en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finou en Vigo o 28 de febreiro de 1981. Foi novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo, e está considerado un dos grandes autores da literatura galega do século XX, que influíu nos premios Nobel en español Gabriel García Márquez e Mario Vargas LLosa -segundo propia confesión destes novelistas- e en xeral no ´realismo máxico´que alentou a literatura do boom hispanoamericano. A Cunqueiro foille dedicado o Día das Letras Galegas en 1991.

         Excelente poeta (Mar ao norde, 1932; Cantiga nova que se chama Riveira, 1933;  Herba aquí ou acolá, 1980), as súas obras de narrativa gustan a todos os públicos, pero Merlín e familia (1955), Si o vello Simbad volvese ás illas... (1961) e Os outros feirantes (1979) son especialmente indicadas, pola súa desbordante fantasía, para a mocidade.
         "Mil primaveras máis para a lingua galega" é a consigna que, por vontade do escritor, figura actualmente na súa sepultura.

Colaboración de Xesús Valcarcel

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario