30 oct 2012

Achégase o Samaín



Samaín (ou Samhaín), é unha palabra de orixe gaélica que significa “fin do verán”, “principio do inverno”.
O día 1 de novembro coincide  co primeiro do ano no calendario celta, que comezaba coa “estación escura”. Na noite do 31 de octubre ao 1 de noviembre, a noite de Samaín, os celtas celebraban a fin da tempada das colleitas. Era unha festa de transición que sinalaba o paso dun ano a outro, e a un tempo, unha festa de apertura ao outro mundo: críase que nesa noite as ánimas dos mortos podían atravesar a porta que separa o mundo dos vivos e o mundo dos mortos para visitar as casas das súas familias, quentarse xunto ao lume do fogar e comer algún alimento, pero tamén para render contas pendentes.


Na noite do Samaín, os celtas reunaínse no bosque para celebrar a festa e comer o ritual e comunal porco de Samaín. Era unha festa obrigatoria e crían que quen non asistía podía perder a razón. Esa noite era a máis perigosa do ano: as portas do outro mundo abríanse e as ánimas dos defuntos eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores:
 “Os antigos habitantes de Galicia vivían en castros. Suponse que ao chegar os tempos  escuros do ano, o outono e o primeiro inverno, poñían arredor das murallas dos castros as caveiras dos inimigos mortos cunha luz dentro. Tal facían para arredar as pantasmas e espíritos das súas moradas(LÓPEZ LOUREIRO, R., Samaín: a festa das caliveras, px. 156)
Suponse que é destes ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, de onde vén a tradición europea de facer caliveras na cortiza das cabazas.



A TRADICIÓN DO SAMAÍN

O Samaín é a festividade de orixe celta máis importante do período pagán que dominou Europa hata a súa conversión ao cristianismo. Foi practicada dende hai máis de tres mil anos polos pobos celtas que poboaron Europa. Nas mesmas datas, os romanos celebraban as Saturnais. Esta tradición perdura aínda hoxe por toda a antiga xeografía céltica europea e, no caso da península ibérica, en todas as zonas nas que se pode documentar a influencia da cultura celta: Galiza, Asturias, Aragón, Cantabria, Castela-León e tamén en Madrid, Cuenca, Guadalajara..
En  toda a xeografía galega podemos atopar lembranza desta celebración, cun folclore semellante, aínda que ás cabazas dábanselle nomes diferentes: nas Rías Baixas, calacús; caveiras de melón en Cedeira; en Ortigueira, calabazotes; colondros en Ourense... Sen embargo, a tradición levaba esquecida algunhas décadas. Nos últimos anos estáse volvendo a recuperar, grazas ás investigacións e ao empeño do profesor galego Rafael López Loureiro e  ao traballo realizado nas escolas e en varios concellos.



A FESTA DO SAMAÍN E A TRADICIÓN DO MAGOSTO

“A festa de Todos os Santos probablemente non é outra cousa que a cristianización do “Samahín” celta, que segue viva a través do magosto para a xente de Loureses e toda Galicia” (Mandianes de Castro)

No mes de novembro, en Galiza celébrase o Magosto. Hoxe celebrámolo na casa, ou nalgún lugar da aldea. Noutro tempo foi no atrio da igrexa ou ao pe dun cruceiro, pero o seu lugar orixinario foi o monte. Esta tradición mantense aínda en Ourense.
Os celtas, que non tiñan templos, celebraban os seus ritos e as súas festas nun claro do bosque. «O bosque e o templo eran, para os celtas, nocións equivalentes ou intercambiables» (C. G. Guyonvarc’h, La civilisation celtique). Tamén di Vicente Risco que «Os galegos non teñen templos senón natureza».

 Cita Taboada Chivite  ao inglés Swinbunge, que viaxou por Galiza no século XVIII e contou que a xente, na véspera do día de defuntos, “ía comendo as castañas coa fe de que cada unha libraba unha alma do purgatorio
A castañada sempre tivo en Galicia, e noutros lugares achegados como o Bierzo, Asturias ou Cantabria, connotacións funerarias. Segundo algúns investigadores (cfr. J. A. Tarrío, Cultura, educación e tradicións populares en Galicia, eds. Do Castro), “o magosto naceu como consecuencia e recordo ós mortos”
A relación ben documentada entre o magosto e o funerario e a coincidencia das datas nas que se celebra coas da festa do Samaín (o tempo das castañas é o tempo das caliveras de cabaza) podería ser un argumento a favor da tese defendida por Mandianes de Castro citada ao comezo.



Para saber máis: 


                                                 LÓPEZ LOUREIRO, RAFAEL, Samaín: A Festa das Caliveras

Vigo. Ir Indo Edicións, 2003




                                   
Dende a Biblioteca convidámoste a participar no magosto e na exposición de cabazas . Haberá un premio para a mellor!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario