15 may 2013

Roberto Vidal Bodaño-Letras Galegas 2013




O mundo do teatro galego está de festa: este ano 2013 dedícanlle as Letras Galegas a Roberto Vidal Bolaño, desaparecido no 2002, cando aínda contaba só 52 anos.

Vidal Bolaño era sen dúbida unha das persoas que mellor representaba os éxitos e os problemas do teatro. O noso sistema cultural e literario continúa tendo hoxe un carácter problemático, marxinal, aínda incapaz de crear modelos de prestixio na comunidade galega e xerar un mercado cultural. Esta debilidade estrutural acentúase aínda máis no caso do teatro: este foi sempre un espectáculo en crise, dependente dun público minoritario, con sistemas de exhibición moi precarios, con apoios institucionais ou moi febles ou ás veces abafantes... En definitiva, o teatro non resulta demasiado rendible nin apto para quen desexe un triunfo fácil e rápido.

Vidal Bolaño vivía o teatro e para o teatro, dunha maneira total: autor de textos teatrais moi ben escritos, actor e tamén director. Espectáculos nunca idénticos, representados ante públicos moi diferentes... aí está a maxia deste espectáculo fascinante que se resiste á mecanización.

Desde os anos setenta puidemos ver obras como "Laudamuco, señor de ningures" (acababa de morrer Franco e aquel ditador derrotado e moribundo facíanos pensar nel), ou uns anos despois vimos a súa aproximación existencialista e social ao problema da morte e do suicidio ("Bailadela da morte ditosa"), ou máis adiante admiramos esa recreación maravillosa, apaixonada e melancólica da figura de Rosalía ("Agasallo de sombras")... E logo viñeron "As actas escuras", e "Saxo tenor", e "Días sen gloria"...

Vidal Bolaño contou moitas historias do noso presente e do noso pasado. Eran tamén historias que desbordaban o noso tempo e a nosa xeografía, porque conseguían tocar zonas profundas do noso ser, ás veces de maneira tráxica e profunda, outras de modo máis cómico e retranqueiro, como fai sempre o bon teatro.


Santiagués alto e serio, o seu chapeu, bigote e cigarro sempre na man dábanlle certo aire de Don Quixote das rúas da zona vella de Santiago. Era tamén moi respectado por todos os colegas do mundo do teatral, mesmo por aqueles que se movían en liñas estéticas e temáticas moi diferentes.

Os seus textos merecen unha lectura, están moi ben escritos, aínda que obviamente non hai sucedáneo que sustitúa á súa representación.

E por certo: polo menos unha vez estivo aquí, no Xelmírez II, falando co alumnado de teatro. E tamén en varias ocasións saímos a Santiago para ver as súas obras; aínda o recordamos en 1994, en "Días sen gloria": era daquela un vello cabaleiro que, xa sen medo nin esperanzas, peregrinaba a Santiago.

Longa vida á túa obra e ao teatro galego, Roberto.

Manuel Amor Couto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario